Cultura, natureza e innovación en Galicia
O proxecto
Muíño Colab é un proxecto de revitalización rural que nace coa vontade de recuperar un antigo muíño e devolvelo á vida. Queremos convertelo nun espazo de encontro, creación e aprendizaxe, onde se xunten cultura, natureza e comunidade.
Durante xeracións, o muíño foi moito máis ca un lugar para moer. Era un punto de encontro da aldea: alí xuntábanse os veciños, compartían historias, facían amizades e estreitaban lazos. A xente do lugar aínda o lembra cun sorriso: «nese muíño fixéronse moitos fillos».
Desa memoria nace Muíño Colab, coa idea de recuperar esa esencia e facer do muíño un lugar para atoparse, compartir, aprender e poñer en marcha novos proxectos.
Queremos abrir as súas portas máis alá da aldea, conectando con persoas, iniciativas e organizacións de Galicia e de Europa.
A través de actividades culturais, residencias, formación e propostas ligadas á natureza e ao medio rural, queremos que o muíño volva ser un lugar vivo, onde se atopen as ideas e poidan nacer novas historias.

Pilares principais do proxecto

Cultura e creación
A cultura e a creación artística constitúen ferramentas fundamentais para conectar persoas, territorios e formas diversas de vivir e expresarse. Neste marco, impulsamos obradoiros, actividades culturais, residencias e encontros que poñen en diálogo a tradición e a creación contemporánea, a cultura local e outras expresións culturais, favorecendo a participación, a aprendizaxe e o intercambio.

Natureza e transición eco
O proxecto desenvólvese arredor dun antigo muíño off-grid, equipado cun sistema de enerxía solar e integrado nun contorno natural rural. O propio espazo concíbese como un lugar de experimentación e aprendizaxe sobre formas máis sostibles de habitar e de relacionarnos co territorio, promovendo a sensibilización ambiental, o uso responsable dos recursos e a conservación do contorno.

Comunidade e revitalización rural
Coa axuda e colaboración doutras persoas, colectivos e iniciativas, esperamos ir recuperando pouco a pouco a vida deste lugar. Poñendo en valor o patrimonio, os coñecementos locais e os recursos do territorio, queremos que, co tempo, o muíño volva ser un espazo de encontro aberto a persoas de diferentes xeracións e procedencias, onde poidan coñecerse, compartir e crear novos vínculos. Esperamos que deste encontro poidan xurdir novas ideas, proxectos e relacións que contribúan a manter vivo o medio rural.

Redes e cooperación
Muíño Colab pretende establecer relacións con outras iniciativas e realidades, tanto dentro como fóra de Galicia. Buscamos crear vínculos con organizacións culturais, artísticas, ambientais e comunitarias, facilitando o desenvolvemento de proxectos conxuntos, residencias e novas formas de cooperación, especialmente no ámbito europeo. Damos os primeiros pasos con vontade de aprender de experiencias existentes e de construír relacións a longo prazo, partindo da convicción de que os proxectos máis significativos xorden do encontro e da colaboración entre persoas.
Póngase en contacto con nosotros
Teléfono: +34 690397832
Correo electrónico: muinhocolab@gmail.com
Dirección: Lugar de Mondoi, Porzomillos, Oza Cesuras, A Coruña.